
Á vista dos novos retos nacionais e internacionais, España necesitaba contar cun Servizo de Intelixencia moderno e especializado, capaz de enfrontarse de xeito eficaz a estes retos.
A resposta a esta necesidade é o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), organismo público responsable de proporcionar ó Presidente do Goberno información, análises, estudos e propostas que permitan previr e evitar calquera perigo, ameaza ou agresión contra a independencia ou integridade territorial de España, os seus intereses nacionais e a estabilidade das súas institucións e do Estado de dereito. (Artigo 1, Lei 11/2002).
O CNI réxese polo principio de sometemento á orde xurídica e leva a cabo as súas actividades no marco das misións expresamente establecidas na Lei 11/2002 de 6 de maio, que regula o CNI, e a Lei Orgánica 2/2002 de 6 de maio, reguladora do control xudicial previo do Centro Nacional de Intelixencia.
Cabe subliñar que o CNI cobre as actividades que noutros países son realizadas por dous ou máis Servizos de Intelixencia. Isto facilita a coordinación homoxénea e global e un intercambio de intelixencia entre campos complementarios, optimizando así os recursos. A este efecto, o CNI traballa baixo o principio de coordinación con outros servizos de información do Estado.
Para facilitar esta coordinación a Comisión Delegada do Goberno para Asuntos de Intelixencia (Artigo 6, Lei 11/2002), presidida polo Vicepresidente do Goberno nomeado polo Presidente, ten asignado entre os seus labores o de velar pola adecuada coordinación de todos os servizos de información e intelixencia do estado, para a formación dunha comunidade de intelixencia.
Para o desempeño das súas actividades de información, o CNI ten unha asignación anual de fondos reservados, o uso dos cales está regulado pola Lei 11/95 de 11 de marzo sobre a utilización e control dos créditos destinados a gastos reservados. Obxectivo destes fondos reservados –que tamén xestionan os Ministerios do Interior, Defensa e Asuntos Exteriores –é protexer as identidades, acontecementos, lugares ou datas relacionados cas actividades ou fontes do Servizo. Así e todo, isto non significa que non exista control sobre eles xa que existe un sistema especial de xustificación e control, pois a Lei 11/2002, de 6 de maio, reguladora do Centro Nacional de Intelixencia contempla de forma específica o principio de control parlamentario das actividades do Centro. Esta Lei, dentro do respecto á autonomía parlamentaria, prevé que sexa a comisión que controla os créditos destinados a gastos reservados a que efectúe o control das súas actividades. Nesta Comisión comparece periódicamente o Secretario de Estado Director.